A economía social e solidaria é un conglomerado de prácticas económicas que buscan recuperar a economía como ferramenta para o desenvolvemento das nosas sociedades no seu conxunto.

É unha economía que se basea nuns principios moi claros:

  • Pon as persoas no centro. A economía social e solidaria enfócase de maneira que o centro de gravidade sexan as persoas e o capital económico sexa, simplemente, un recurso máis, e non o contrario.
  • A economía organízase de maneira democrática e igualitaria en vez de de maneira vertical e xerárquica, apoderando así as persoas, fortalecendo a participación e os procesos colectivos e igualitarios e, consecuentemente, profundando nun modelo de democracia económica.
  • Prodúcense bens e servizos co fin de satisfacer necesidades humanas e non para buscar o máximo beneficio.

O valor da economía social e solidaria consiste en ofrecer unha alternativa ao sistema económico predominante. Pero non se trata dunha solución teórica senón que se trata dunha alternativa práctica que xa hoxe está a funcionar. En todo o mundo, millóns de traballadores, labregos, profesionais, consumidores e investidores están a xestionar recursos como o seu traballo comercializando, consumindo e investindo baixo lóxicas democráticas, equitativas, solidarias e respectuosas coas persoas e os territorios.

Estase a construír economía, pero outro tipo de economía. Un modelo que se encontra en todas as fases do ciclo económico: produción, comercialización, consumo e financiamento, conformando un embrión do que se denomina mercado social.

  • Produción

A produción adopta basicamente fórmulas cooperativas e similares, onde a propiedade da empresa é dos seus traballadores e esta é xestionada de maneira democrática, participativa e socialmente responsábel. Este modelo xera unha repartición da riqueza máis equitativa e devolve parte do excedente á sociedade. Tamén se inclúen aquí entidades sen fins lucrativos como  asociacións que levan a cabo actividade económica.

  • Comercialización

Na comercialización, a economía social e solidaria maniféstase en forma de comercialización xusta. Búscanse relacións xustas, transparentes, respectuosas e equilibradas entre produtor e comercializador. Moitas veces isto circunscríbese ás relacións de comercio xusto entre produtores de países empobrecidos e países ricos. Débese entender a comercialización xusta neste ámbito pero tamén cando a relación se dá entre produtores e comercializadores dun mesmo país ou espazo xeográfico próximo.

  • Consumo

O consumo defínese como consumo responsábel. Este consumo é o que realizan persoas, entidades, empresas e mais administracións cando adoptan formas como o consumo cooperativo, o consumo ecolóxico e de proximidade ou o consumo solidario.

  • Finanzas

No ámbito financeiro, a economía solidaria toma o modelo das finanzas éticas. Trátase de entidades que lle dan prioridade ao beneficio social sobre o económico no desenvolvemento da súa actividade. Úsanse ferramentas financeiras e de intermediación para recadar o aforro e convertelo en “crédito social” que permita ofrecer solucións financeiras ás entidades da economía social e solidaria e do terceiro sector en xeral.

O feito de estarmos presentes en todo o ciclo económico permite que, cada vez máis, poidamos satisfacer as nosas necesidades  dentro da economía social e solidaria e das súas lóxicas democráticas, equitativas e respectuosas coas persoas, o contorno e o territorio.