As entidades e axentes financeiros convencionais fundamentan o desenvolvemento da súa actividade e os seus obxectivos na persecución dun rendemento económico que sexa o máis alto e inmediato posíbel –aquilo que moitos denominan a lóxica do máximo beneficio.

 

Basear unha actividade tan decisiva para moldear as sociedades como é a actividade financeira  en perseguir case exclusivamente o máximo lucro posíbel ten como consecuencia externalidades negativas graves tales como a violación dos dereitos humanos ou a destrución do medio natural, por citar apenas dúas.

As finanzas éticas nacen dos movementos sociais, pacifistas e ecoloxistas co fin de lles dar resposta ás inquedanzas de moitas persoas, empresas e entidades que non querían ver como os seus cartos estaban vinculados á promoción de actividades contras as cales estaban a loitar. As finanzas éticas, pois, nacen da idea de “cos meus cartos, non”, para máis adiante incorporar a idea de “cos meus cartos, si” e impulsar a aparición de entidades financeiras que usan ferramentas bancarias para promover o desenvolvemento positivo da sociedade.

A forza das finanzas éticas baséase na súa sinxeleza, en algo tan simple como incorporar a ética ao conxunto das decisións diarias de aforro e investimento.

Esta perspectiva supón un gran cambio nas motivacións, os obxectivos e a énfase da intermediación financeira con respecto á banca tradicional. A intermediación financeira é entendida como unha ferramenta ao servizo das persoas e nunca como unha ferramenta simplemente de negocio. En definitiva, trátase de rescatar o valor social do diñeiro.

Búscase romper paradigmas:

  • O papel das entidades financeiras na nosa sociedade: unha entidade financeira pode desempeñar un papel beneficioso no desenvolvemento social e humano dunha sociedade.
  • Os obxectivos das finanzas éticas: o obxectivo dunha entidade financeira non ten que consistir en maximizar as ganancias senón en ser unha ferramenta ao servizo da transformación social.
  • A estrutura de propiedade: converter as entidades financeiras en entidades democráticas e participativas seguindo a lóxica de “unha persoa, un voto”.
  • A transparencia: as finanzas éticas aplican transparencia absoluta nun sector marcado pola opacidade. Todas as persoas saben cara a onde e cara a que se dirixe o seu diñeiro.