Para conceder un empréstito, Coop57 require certas garantías da entidade que solicita o apoio financeiro e, no seu caso, avais de tipo persoal e non patrimonial ás persoas que exercen como avalistas da solicitude. Promóvese, por tanto, que a entidade que recibe este apoio e os seus membros se responsabilicen dos cartos recibidos.

A garantía sempre é mancomunada, isto é, dividida proporcionalmente entre todos os avalistas, a diferenza das entidades convencionais que esixen avais solidarios (cada avalista responde da totalidade do importe do crédito).

Para alén de avais persoais mancomunados, tamén existe un fondo de garantía de préstamos que se vai nutrindo coas achegas que realizan as entidades que reciben financiamento. Este fondo debe servir para facer fronte a faltas de pagamento eventuais.

Ademais, temos estabelecido un acordo de colaboración coa sociedade de garantía recíproca OINARRI para avalar parte dos empréstitos e así facilitar máis o acceso ao crédito das entidades socias.