Coop57 rexe a súa actividade baseándose nos principios das finanzas éticas:

Principio de coherencia

Evitamos a contradición de que o noso diñeiro poida estar a financiar proxectos incompatíbeis cos nosos principios éticos e sociais e cos nosos valores persoais.

En Coop57 non se van financiar proxectos que poidan favorecer a industria de armamento; as centrais nucleares; a especulación financeira; a violación dos dereitos humanos, laborais ou ambientais; o dumping social; a explotación infantil ou os réximes ditatoriais, entre outros sectores ou actividades que consideremos nocivas para o conxunto da sociedade.

Principio de compatibilidade

Compatibilizamos os rendementos financeiros cos rendementos sociais. Non se poden disociar uns dos outros. Os criterios que empregamos para o uso do diñeiro están baseados en indicadores relativos de risco e non de máximo rendemento para a entidade e os seus socios en detrimento do rendemento para a sociedade. Non perseguimos maximizar beneficios económicos, senón obter o máximo beneficio social ligado á viabilidade financeira.

Principio de participación

Fomentamos a responsabilidade dos investidores aforradores, como cidadáns e cidadás, nas súas operacións financeiras. Facemos da participación na política da entidade das entidades e das persoas socias un dos nosos elementos distintivos. En definitiva, pretendemos recuperar o control dos nosos aforros e dos nosos recursos económicos e promover a autoxestión financeira.

Coop57 é unha entidade democrática e participativa que ten como propietarias a todas as persoas e entidades socias. Da súa participación e toma de decisións derívanse as grandes liñas e acordos de funcionamento da entidade.

Principio de transparencia

Aplicamos unha transparencia total na xestión da entidade, tanto na concesión dos empréstitos como no funcionamento interno e societario, e toda persoa e entidade socia sabe perfectamente para que serven os recursos que achegou. Publicamos dúas veces ao ano un boletín informativo onde se inclúe a relación dos empréstitos acordados con cada entidade beneficiada, así como o volume e mais a duración de cada un deles. Desta maneira, calquera persoa ou entidade socia que queira saber que uso se lle dá aos seus cartos ten toda a información ao seu alcance.

Principio de solidariedade

As persoas e entidades socias de Coop57 sabemos que o noso diñeiro contribúe a construír unha economía máis humana e solidaria. Ademais, podemos expresar a nosa solidariedade fixando, nós mesmos na Asemblea, a taxa de remuneración aplicábel aos aforros achegados e, en consecuencia, o custo dos empréstitos.

Principio de reflexión

Reflexionamos continuamente sobre os principios que deben orientar as nosas accións. Entendemos o comportamento ético como un proceso, repensamos racionalmente os valores polos que debemos dirixir a nosa acción e adaptámonos aos valores e principios que consideramos xustos e prioritarios.

Crédito ao servizo da transformación social

Coop57 enténdese a si mesma como unha ferramenta ao servizo dos seus socios e socias e ao servizo da transformación social nun marco de solidariedade e axuda mutua. Coop57, por si soa, non poderá transformar a sociedade. O diñeiro por si só, tampouco poderá transformar a sociedade. Serán as entidades, grupos, colectivos e persoas que traballan para esta transformación social as que poderán incidir a modificar a realidade cara a escenarios máis xustos, inclusivos, solidarios, equitativos e sustentables.