crónica dunha asemblea xeral de Coop57

O pasado sábado 20 de febreiro, unhas 50 persoas reunímonos en Barcelona, na sede de Coop57, para celebrar a asemblea xeral de Coop57, órgano soberano e de máxima representación dos socios e socias da cooperativa. Lembramos que na asemblea xeral asisten aqueles delegados e delegadas escollidas en cada unha das asembleas territoriais. Estes delegados e delegadas trasladan, á asemblea xeral, os acordos tomados na súa sección territorial onde todos os socios e socias da cooperativa tiveron a oportunidade de participar, conformando así, un modelo participativo de abaixo a arriba.

Como é costume, na asemblea xeral, aproveitamos para tratar outros temas alén dos propios que corresponden a este órgano social. Resultado do esforzo movilizador que significa que persoas provenientes de distintos territorios nos reunamos, debatamos temas de fondo de Coop57 para  avanzar naqueles asuntos candentes e abertos no seo da cooperativa.

Durante máis de tres horas da mañá do sábado, estivemos a compartillar opinións, pareceres e reflexións arredor da actitude que debe adoptar Coop57 a  respecto das administracións públicas locais, partindo de tres casos concretos que se expuxeron. Debateuse sobre as actuacións de eficiencia enerxética e enerxías renovábeis en equipamentos e edificios públicos, sobre a (re) municipalización de servizos e equipamentos públicos e sobre a subrogación da cesión de uso de chan público.

Os debates, que non tiñan como obxectivo chegar a ningunha conclusión definitiva, esclareceron moitos dos temas, e puxeron sobre a mesa alertas e oportunidades. O denominador común foi, sempre, pensar na maneira que Coop57 pode incidir máis e mellor nun proceso de transformación social e económica, desde os valores da cooperativa, sen deixar de ser o que somos e tentando deseñar estratexias que poidan fortalecer e desenvolver a economía social e solidaria para que esta cada vez teña máis presenza na vida social e económica da nosa contorna.

 

Unha vez terminados os debates, esgotadas e contentas do esforzo realizado, enchemos as nosas barrigas cun excelente menú elaborado pola entidade socia de Coop57 o Menjador de Ca la Rosa, un comedor ecolóxico para escolares do bairro de La Sagrera de Barcelona e que, ademais, quere ser un referente na comida para colectivos cun produto de calidade, san, ecolóxico e local.

 

A posteriori, foi o momento da asemblea xeral, onde se aprobaron todos os puntos da orde do día. Aprobouse o peche provisional do exercicio 2015, o plan de traballo e o orzamento do exercicio 2016, a proposta de remuneración das achegas voluntarias para o 2016 (0,65% anual) e a renovación de cargos do Consello Reitor.

Respecto deste último punto, deixaron o Consello Reitor Jordi Pujol Moix (Col·lectiu Ronda), Teresa Iparraguirre (Servicios Parque Delicias da Fundación Adunare) e Ana Lorenzo (Federación de Cooperativas Sinerxia) e no seu lugar incorporáronse Ramon Campa (Col·lectiu Ronda), Carmen Sancho (Amediar) e Cándido Martínez (Consumo Consciente Arbore).

Ademais houbo un cambio na presidencia de Coop57, até agora ocupada por Jordi Pujol Moix que deu paso na mesma a Anna López da Fundació Surt.

A todas as persoas saíntes, moitas grazas polos esforzos e ilusións dedicadas a Coop57 e a todas as persoas entrantes moitos desexos dun traballo ilusionante no futuro.

E, tamén un agradecemento total e sincero ás 50 persoas que representaron ás máis de 700 entidades de Coop57 e ás perto de 3.500 persoas socias colaboradoras para seguir a enriquecer, reforzar e avanzar nestaferramenta de construción colectiva que representa Coop57.

 

Álbum de fotos da asemblea Xeral Coop57