O pasado sábado, 13 de Xuño, celebrouse en Compostela a Asemblea Xeral de Coop57 Galiza na que participaron 6 sócias de servizos e 9 sócias colaboradoras. Tamén asistiron como convidadas Som Energia Galiza e Viraventos, esta última en proceso de alta como sócia de servizos da Sección Territorial.

A reunión desenvolveuse nun bo ambiente e na mesma foron aprobados os seguintes asuntos : 1) Contas anuais e a proposta de imputación do excedente da actividade económica de 2014 da Cooperativa; 2) Memória social 2014; 3) A oferta dun novo servizo financeiro vinculado a proxectos de vivenda comunitária e cooperativa. Para alén destes acordos tamén se achegou información sobre o Encontro 2015 da Cooperativa, da actividade da Sección Territorial no primeiro semestre deste ano e da constitución da Sección Territorial de Euskal Herria, e as persoas de Galiza que van asistir á mesma. De cara á actividade da Sección Territorial dos próximos meses, acordouse contrastar con outras iniciativas e redes de economia solidária de Galiza, a realización dunha convocatória de encontro para relanzar a estratéxia de construción de Mercado Social. E a partir daí, analisar como liña de traballo a colaboración coas administracións locais elixidas nas recentes eleicións municipais.

Por último, acordouse como proposta para activar a participación nas reunións da Asemblea, a inclusión na orde do dia con carácter permanente, da apresentación das iniciativas de economia solidária que se incorporen como sócias de servizos e/ou sexan beneficiárias de empréstitos no período entre Asembleas.