En Coop57 actuamos nun triplo eixo que se entretece e se eslúe entre si:

  • cooperativismo
  • economía social e solidaria
  • finanzas éticas

Isto lévanos a financiar proxectos económicos que promovan a ocupación, fomenten o cooperativismo, o asociacionismo e a solidariedade en xeral e potencien a sustentabilidade sobre a base de principios éticos e solidarios. Trátase de proxectos que entendemos que comportan un valor engadido para o conxunto da sociedade.

Nas finanzas éticas en xeral para definir o ámbito de actuación dunha entidade financeira utilízanse unha serie de criterios negativos e de criterios positivos.

  • Os criterios negativos son aqueles que exclúen as entidades do ámbito de actuación das finanzas éticas. Son exemplos claros a implicación na industria de armamento, na violación de dereitos humanos ou na degradación do medio.
  • Os criterios positivos son aqueles que inclúen as entidades no noso ámbito de actuación e son o tipo de proxectos que se quere fomentar. Isto lévanos maioritariamente a financiar proxectos que promovan a creación de postos de traballo, especialmente nun formato cooperativo; iniciativas de inserción sociolaboral para colectivos vulnerábeis a través de empresas de inserción; proxectos de atención e coidados ás persoas; proxectos de enerxías renovábeis e de xestión responsábel e conservación do territorio; proxectos culturais e educativos; e proxectos de potenciación da participación cidadá e da democracia económica que fomenten o asociacionismo de base.

O cooperativismo

As orixes do cooperativismo

A historia do cooperativismo tal e como o entendemos nace en Europa a mediados do século XIX. Concretamente, no condado de Lancashire fundouse na cidade de Rochdale en 1844 a Sociedade Equitativa dos Pioneiros de Rochdale seguindo as ideas do socialismo utópico de Robert Owen. No contexto dunha folga de teceláns en Lancashire, despois de pedir melloras laborais e perder os seus empregos, un grupo de obreiros ingleses fundou a cooperativa, que nun principio foi de consumo, para poder garantir a súa subsistencia. Após moitos esforzos, conseguiron o 21 de decembro de 1844 abrir o primeiro almacén de alimentos con 28 persoas socias. A cooperativa tivo un crecemento fulgurante e en 1901 xa contaba con 12500 socios e en 1961, con 41000.

Os principios cooperativos

O cooperativismo, que nace en Europa, esténdese rapidamente aos Estados Unidos e a outros puntos do planeta converténdose nun movemento de alcance mundial a finais do século XIX. As cooperativas, que en cada país se asociaron en federacións, crearon en 1895 a Alianza Cooperativa Internacional (ACI).

Na reunión da ACI de 1995 en Manchester foron aprobados sete principios que deben rexer as cooperativas federadas a esta alianza internacional.

Existen sete principios cooperativos:

1. Adhesión voluntaria e aberta

As cooperativas son organizacións voluntarias abertas a todas as persoas capaces de utilizar os seus servizos e dispostas a asumir as responsabilidades que comporta seren socias, sen discriminación social, racial, política, relixiosa ou en razón de sexo.

2. Control democrático por parte das persoas

As cooperativas son organizacións xestionadas democraticamente polos seus socios, que participan activamente nas súas políticas e na toma de decisións. As persoas escollidas para representar e xestionar as cooperativas son responsábeis ante o conxunto dos socios. Nas cooperativas de primeiro grao, os socios teñen igual dereito de voto (unha persoa socia, un voto) e as cooperativas de ulteriores graos tamén se organizan de forma democrática.

3. Participación económica dos socios

As persoas socias contribúen de maneira equitativa ao capital das súas cooperativas e xestiónano de forma democrática. Parte dese capital acostuma ser propiedade común da cooperativa, ao tempo que as persoas socias destinan os excedentes a todos ou algún dos seguintes fins: desenvolvemento da cooperativa mediante a constitución de reservas, retorno cooperativo para os socios (“devolución de vendas” nas cooperativas de consumidores e usuarios) en proporción ás súas operacións coa cooperativa e apoio a outras actividades aprobadas polos socios.

4. Autonomía e independencia

As cooperativas son organizacións autónomas de axuda mutua xestionadas polas persoas socias.  Se asinaren acordos con outras organizacións, incluíndo gobernos, ou obtiveren capital de fontes externas, deberán facelo en condicións que aseguren o control democrático por parte das persoas socias e que manteñan a autonomía cooperativa.

5. Educación, formación e información

As cooperativas proporciónanlles educación e formación ás persoas socias, representantes electos, directivos e traballadores de forma que poidan contribuír de maneira eficaz ao desenvolvemento das cooperativas das que  fan parte. Ademais, informan o público xeral da natureza e beneficios da cooperación.

6. Cooperación entre cooperativas

As cooperativas deben servir ás persoas socias da maneira máis eficaz posíbel e fortalecer o movemento cooperativo traballando en conxunto a través de estruturas locais, nacionais, rexionais e internacionais.

7. Interese pola comunidade

As cooperativas traballan en prol do desenvolvemento sustentábel das súas comunidades por medio das políticas aprobadas polas persoas socias.

 

O cooperativismo hoxe

Hoxe en día o cooperativismo en todo o mundo conta con case 1000 millóns de socios e crea 100 millóns de empregos, un 20% máis que as empresas multinacionais (2012).

En 2001, en Bélxica existían unhas 30000 cooperativas; na India, os membros de cooperativas superan os 240 millóns de persoas; en Xapón, unha de cada tres familias é cooperativista; en Singapur, os cooperativistas son 1.400.000, o que representa unha terceira parte da poboación; en Canadá, catro de cada dez persoas son socias de, polo menos, unha cooperativa, mentres que na provincia do Quebec esta cifra sobe até o 70% (2010). En Noruega as cooperativas producen o 99% do leite e derivados e as cooperativas de consumo constitúen o 25% do mercado; por súa vez as cooperativas pesqueiras son responsábeis do 8,7% das exportacións nacionais, as forestais teñen unha participación do 76% no sector e un de cada tres habitantes do país é membro dunha cooperativa.

O cooperativismo é un movemento mundial, transversal e en crecemento que, estamos convencidos, contribúe a aumentar o benestar do conxunto da sociedade.

A economía social e solidaria é un conglomerado de prácticas económicas que buscan recuperar a economía como ferramenta para o desenvolvemento das nosas sociedades no seu conxunto.

É unha economía que se basea nuns principios moi claros:

  • Pon as persoas no centro. A economía social e solidaria enfócase de maneira que o centro de gravidade sexan as persoas e o capital económico sexa, simplemente, un recurso máis, e non o contrario.
  • A economía organízase de maneira democrática e igualitaria en vez de de maneira vertical e xerárquica, apoderando así as persoas, fortalecendo a participación e os procesos colectivos e igualitarios e, consecuentemente, profundando nun modelo de democracia económica.
  • Prodúcense bens e servizos co fin de satisfacer necesidades humanas e non para buscar o máximo beneficio.

O valor da economía social e solidaria consiste en ofrecer unha alternativa ao sistema económico predominante. Pero non se trata dunha solución teórica senón que se trata dunha alternativa práctica que xa hoxe está a funcionar. En todo o mundo, millóns de traballadores, labregos, profesionais, consumidores e investidores están a xestionar recursos como o seu traballo comercializando, consumindo e investindo baixo lóxicas democráticas, equitativas, solidarias e respectuosas coas persoas e os territorios.

Estase a construír economía, pero outro tipo de economía. Un modelo que se encontra en todas as fases do ciclo económico: produción, comercialización, consumo e financiamento, conformando un embrión do que se denomina mercado social.

  • Produción

A produción adopta basicamente fórmulas cooperativas e similares, onde a propiedade da empresa é dos seus traballadores e esta é xestionada de maneira democrática, participativa e socialmente responsábel. Este modelo xera unha repartición da riqueza máis equitativa e devolve parte do excedente á sociedade. Tamén se inclúen aquí entidades sen fins lucrativos como  asociacións que levan a cabo actividade económica.

  • Comercialización

Na comercialización, a economía social e solidaria maniféstase en forma de comercialización xusta. Búscanse relacións xustas, transparentes, respectuosas e equilibradas entre produtor e comercializador. Moitas veces isto circunscríbese ás relacións de comercio xusto entre produtores de países empobrecidos e países ricos. Débese entender a comercialización xusta neste ámbito pero tamén cando a relación se dá entre produtores e comercializadores dun mesmo país ou espazo xeográfico próximo.

  • Consumo

O consumo defínese como consumo responsábel. Este consumo é o que realizan persoas, entidades, empresas e mais administracións cando adoptan formas como o consumo cooperativo, o consumo ecolóxico e de proximidade ou o consumo solidario.

  • Finanzas

No ámbito financeiro, a economía solidaria toma o modelo das finanzas éticas. Trátase de entidades que lle dan prioridade ao beneficio social sobre o económico no desenvolvemento da súa actividade. Úsanse ferramentas financeiras e de intermediación para recadar o aforro e convertelo en “crédito social” que permita ofrecer solucións financeiras ás entidades da economía social e solidaria e do terceiro sector en xeral.

O feito de estarmos presentes en todo o ciclo económico permite que, cada vez máis, poidamos satisfacer as nosas necesidades  dentro da economía social e solidaria e das súas lóxicas democráticas, equitativas e respectuosas coas persoas, o contorno e o territorio.

 As entidades e axentes financeiros convencionais fundamentan o desenvolvemento da súa actividade e os seus obxectivos na persecución dun rendemento económico que sexa o máis alto e inmediato posíbel –aquilo que moitos denominan a lóxica do máximo beneficio.

 

Basear unha actividade tan decisiva para moldear as sociedades como é a actividade financeira  en perseguir case exclusivamente o máximo lucro posíbel ten como consecuencia externalidades negativas graves tales como a violación dos dereitos humanos ou a destrución do medio natural, por citar apenas dúas.

As finanzas éticas nacen dos movementos sociais, pacifistas e ecoloxistas co fin de lles dar resposta ás inquedanzas de moitas persoas, empresas e entidades que non querían ver como os seus cartos estaban vinculados á promoción de actividades contras as cales estaban a loitar. As finanzas éticas, pois, nacen da idea de “cos meus cartos, non”, para máis adiante incorporar a idea de “cos meus cartos, si” e impulsar a aparición de entidades financeiras que usan ferramentas bancarias para promover o desenvolvemento positivo da sociedade.

A forza das finanzas éticas baséase na súa sinxeleza, en algo tan simple como incorporar a ética ao conxunto das decisións diarias de aforro e investimento.

Esta perspectiva supón un gran cambio nas motivacións, os obxectivos e a énfase da intermediación financeira con respecto á banca tradicional. A intermediación financeira é entendida como unha ferramenta ao servizo das persoas e nunca como unha ferramenta simplemente de negocio. En definitiva, trátase de rescatar o valor social do diñeiro.

Búscase romper paradigmas:

  • O papel das entidades financeiras na nosa sociedade: unha entidade financeira pode desempeñar un papel beneficioso no desenvolvemento social e humano dunha sociedade.
  • Os obxectivos das finanzas éticas: o obxectivo dunha entidade financeira non ten que consistir en maximizar as ganancias senón en ser unha ferramenta ao servizo da transformación social.
  • A estrutura de propiedade: converter as entidades financeiras en entidades democráticas e participativas seguindo a lóxica de “unha persoa, un voto”.
  • A transparencia: as finanzas éticas aplican transparencia absoluta nun sector marcado pola opacidade. Todas as persoas saben cara a onde e cara a que se dirixe o seu diñeiro.