Submitted by Coop57 on

O ano 2026 é un ano decisivo para Coop57 en Galiza, e por dous retos fundamentais: o primeiro, ampliar base social e aforro para seguir sendo ferramenta financeira de apoio aos proxectos de economía social e solidaria galegos; e o segundo, reforzar e incorporar persoas novas aos diferentes espazos de participación que ten Coop57.
Para dar resposta ao primeiro, abordaremos unha mellora da comunicación e elaboraremos materiais de apoio claros e directos para que sexan as propias persoas e entidades socias as que, coa súa implicación, divulguen o noso facer e fagan que máis xente se achegue á cooperativa.
Para o segundo, na asemblea de febreiro demos un paso importante ao ampliar o Consello de Sección a un total de dez persoas socias (sete de servizos e tres colaboradoras) e ao reforzar a Comisión Técnica e a Comisión Social, que agora integran un total de 26 socias (sete de servizos e o resto colaboradoras). Vaia aquí o noso agradecemento máximo a quen participa e participou nestes órganos sen os que a nosa cooperativa non funcionaría.
Con todo, nunca sobran mans amigas, e por iso seguimos insistindo no chamado a que máis persoas socias se involucren nestes órganos e na propia actividade de Coop57. Participar neles é tamén unha oportunidade de crecemento persoal e profesional. Supón desenvolver habilidades como o traballo en equipo, a comunicación ou a planificación. É unha aprendizaxe práctica que enriquece tanto no nivel individual coma no conxunto da organización.
Coop57 non debe ser unha estrutura estática, apática, senón unha comunidade activa, enérxica, que dá respostas, transforma e achega valor á sociedade, e isto conséguese coa implicación das socias. Máis aló da achega económica, que é sen dúbida esencial, involucrarse en Coop57 xera pertenza, fortalece redes de apoio e multiplica o noso impacto na contorna. Cada idea que se achega, cada reunión á que se asiste e cada iniciativa que se pon en marcha sempre suma. En definitiva, participar é entender que Coop57 non é algo alleo, «doutros», senón de todas as persoas que a integramos.
E agora, acadado este punto, só queda que te deteñas un chisco, que lle deas unha pensada (non moita, eh) e que contactes con Coop57 Galiza para falarnos daquilo ao que coidas que mellor podes contribuír, sexa nos espazos que agora existen ou noutras formas de participación que suxiras.
Máis participación é máis Coop57.

