Coop57 é unha cooperativa de servizos financeiros éticos e solidarios que ten como obxectivo principal contribuír para a transformación social positiva da nosa economía e da nosa sociedade.

A súa función principal é o financiamento de proxectos de economía social e solidaria mediante a intermediación financeira. Isto significa recoller e captar o aforro da sociedade civil para o poder canalizar cara ao financiamento de entidades da economía social e solidaria que promovan o emprego; impulsen o cooperativismo, o asociacionismo e a solidariedade en xeral; e fomenten a sustentabilidade sobre a base de principios éticos e solidarios.

Coop57 é unha organización democrática e de base asemblearia formada por persoas e entidades do ámbito da economía social e solidaria. A entidade é propiedade de todos os seus socios e socias que se autoorganizan para a xestión da cooperativa.

En Coop57 non existe a figura do cliente senón que todas as persoas e entidades que se vinculan a ela fano desde a posición de socias da cooperativa.

Existen dous tipos de socios e socias:

Socias de servizos:

  • Son entidades da economía social e solidaria (cooperativas, asociacións, fundacións, empresas de inserción, ONG etc.).
  • Poden utilizar os servizos financeiros que se ofrecen e, polo tanto, recibir empréstitos de Coop57.
  • Ademais, poden achegar recursos económicos ao xeito de contribucións voluntarias ao capital social.

Socios e socias colaboradores:

  • Poden ser tanto persoas individuais como entidades.
  • Poden aforrar en Coop57 realizando achegas ao capital social da cooperativa.
  • Non poden recibir empréstitos de Coop57.

Tanto as entidades socias de servizos como os socios e socias colaboradores adquiren unha serie de dereitos dentro da cooperativa:

 

Dereitos políticos e de participación:

Os socios e socias de Coop57 poden participar, con voz e voto, nas asembleas e decidir as liñas de actuación de Coop57 e con que criterios éticos e sociais se actúa. Os votos pondéranse independentemente do capital achegado.

Dereitos económicos:

As achegas voluntarias de aforro están suxeitas a unha remuneración económica que a asemblea de socios e socias de Coop57 fixa anualmente mediante un proceso colectivo e democrático.

Dereito á información:

Todos os socios e socias reciben información periódica sobre todos os empréstitos que se conceden, o estado económico da cooperativa, a actividade social e outras informacións relevantes sobre as actividades da cooperativa.

En Coop57 poden aforrar todas as persoas ou entidades que crean nos principios de Coop57 e queiran ver os seus aforros vinculados ao financiamento de proxectos da economía social e solidaria.

Poden recibir financiamento por parte de Coop57 todas as entidades que pertenzan ao ámbito da economía social e solidaria que sexan socias de servizos de Coop57 e que proporcionen algún tipo de valor engadido ao seu contorno e ao conxunto da sociedade.