O próximo 9 de novembro arrincamos unha nova edición de Ca(u)sa Común, a emisión de títulos participativos que quere converter o aforro individual nunha ferramenta colectiva ao servizo do dereito a unha vida digna. O acceso á vivenda é unha das principais problemáticas da actualidade e, por iso, facerlle fronte é un dos grandes retos das finanzas éticas. Ter un fogar non debe ser un privilexio nin depender da especulación do mercado.

Desde Coop57 apostamos pola vivenda cooperativa en cesión de uso para demostrar que existe unha vía alternativa, afastada da especulación e da exclusión do mercado. O obxectivo desta emisión é financiar estes proxectos para impulsar un modelo habitacional baseado na xestión democrática por parte das persoas que viven neles.

Con Ca(u)sa Común podes construír comunidade. A emisión vai dirixida a calquera persoa ou entidade que acepte as condicións, e non fai falta ser socia de Coop57 para participar.

Estas son as condicións da emisión:

· Importe de cada título: 1.000 €

· Máximo de títulos por persoa: 20 para persoas físicas (20.000 €) e 50 para persoas xurídicas (50.000 €)

· Importe total da emisión: 2.000.000 €

· Permanencia: 4 anos

· Remuneración: 2,25% anual, pagadeira o 30 de novembro de cada ano

· Período de subscrición: do 9 ao 30 de novembro, mentres haxa títulos dispoñibles

· Devolución anticipada: se se solicita antes do vencemento, aplícase unha penalización do 100% da remuneración do ano en curso

Ca(u)sa Común é un xeito de aforrar, pero tamén de facer política desde o día a día. Defender o dereito á vivenda é tamén decidir poñer o diñeiro ao servizo das persoas, non do negocio que fai dela unha mercancía.