O aforro que as persoas e as entidades achegan en concepto de capital social a Coop57 obtén uns dereitos económicos na medida que estas achegas están suxeitas a unha remuneración anual. Pola súa banda, os préstamos concedidos levan asociado un custe financeiro para a entidade que os solicita. Como se calculan estas dúas magnitudes? Como se fixa esta porcentaxe? Cales son os criterios que se teñen en conta?

Nunha entidade que fai intermediación financeira como Coop57, o custe financeiro asociado ao préstamo que as entidades deben asumir debe ser necesariamente superior á remuneración que se ofrece polo aforro captado. Esta diferenza debe xerar unha marxe financeira que sirva para asegurar a sostenibilidade e a pervivencia do proxecto. Debe servir para cubrir os custos de xestión, dotar provisións para absorber posibles impagados e, á súa vez, poder alimentar as reservas para reforzar os fondos propios e, polo tanto, facer máis sólido o proxecto de Coop57.

Con esta primeira premisa abórdase a definición das dúas magnitudes (aforro e préstamo) e para valoralo tense en conta o obxectivo esencial de Coop57. Cal é ese obxectivo? a transformación social en positivo. Quen pode levar a cabo esta tarefa? as empresas e entidades da economía solidaria que, coa súa actividade, xeran impactos sociais positivos. Como pode contribuír Coop57 axudar a estas entidades para que poidan levar a cabo esta tarefa? A través da facilitación de recursos financeiros en forma de préstamos. Polo tanto, a maneira na que Coop57 pode contribuír máis á transformación social é a través do préstamo, dotando de valor social ao aforro recollido. Conclusión: intentarase abaratar tanto como se poida o custe do préstamo.

E iso sen esquecer que o aforro é unha ferramenta imprescindible para poder levar a cabo esta actividade. Polo tanto, debe valorarse para recompensar a confianza depositada e, ao mesmo tempo, para manter unha certa actualización do poder adquisitivo das achegas de aforro que se fagan.

Neste equilibrio, será o Consello Reitor quen realizará a proposta de remuneración anual. Esta proposta será a que o Consello Reitor entenda que se adecúa mellor ás necesidades de Coop57 e que ademais pode contribuír a facer forte o proxecto. E aquí tamén se engade un ingrediente democrático en todo o proceso xa que o Consello Reitor de Coop57 realiza unha proposta que se presenta en asemblea para sometela a votación e será potestade de todos os socios e socias de Coop57 a súa aprobación (ou non).

Ademais, a votación para aprobar a remuneración dos socios e as socias colaboradoras, é unha boa oportunidade para que as persoas aforradoras poidan poñer en práctica a súa solidariedade, xa que toda a remuneración que deixen de percibir irá en beneficio das entidades socias, diminuíndo o custo dos préstamos e, polo tanto, contribuíndo á transformación social en positivo. É un pacto, no mellor dos sentidos, entre persoas e entidades socias de Coop57.
Para achegalo á realidade máis inmediata, podemos poñer como exemplo o ano 2014, no que se acaba de aprobar que a remuneración das socias colaboradoras teña un leve descenso, do 1, 80% ata o 1, 65% anual, co obxectivo de rebaixar o custe dos préstamos para anticipo de subvencións ou endoso de facturas e os préstamos de financiamento de circulante desde o 7’25% ao 6’90%.

 

O grao de autoxestión e a flexibilidade de que goza Coop57 permiten actuar da maneira que máis conveña ao proxecto e ás necesidades do momento, sen estar atadas a outros indicadores oficiais que escapan do noso control. Tamén nos ofrece estabilidade, xa que durante un ano os prezos no se tocan independentemente da flutuación que sufra o mercado financeiro. Non somos unha entidade financeira regulada e, polo tanto, o que facemos é autorregularnos con participación e democracia.