Pechando o 25º aniversario de Coop57, superamos as 1.000 entidades. O destino fíxonos este agasallo e a efeméride coincidiu exactamente na fin do primeiro cuarto de século da cooperativa.

As cifras non son máis que unha breve forma de plasmar a inmensa tarefa levada a cabo. Miles de persoas que dedicaron miles de horas a crear, definir, facer crecer e consolidar este proxecto que non é de ninguén pero é de todo o mundo. Un esforzo colectivo para ter a disposición da economía social, solidaria e transformadora unha ferramenta pensada para axudar a construír unha economía pola vida. 

E o motor deste cambio, o auténtico protagonista da transformación social son estas mil entidades que traballan para a creación de ocupación estábel e de calidade, impulsando proxectos que perseguen a sustentabilidade
ambiental e a soberanía alimentar, residencial, tecnolóxica ou enerxética, traballando por toda forma de inclusión e reforzando a formación, a cultura e as artes como espazos de socialización e transformación.

Destaca unha predominancia de cooperativas e asociacións, posto que entre as dúas representan o 84% do total das entidades socias, seguidas de lonxe polas fundacións, empresas de inserción ou proxectos de autónomos. Predominan as dedicadas á atención de persoas e colectivos específicos onde 1 de cada 4 entidades socias teñen esta función na acción social.

Á vez, é destacábel contar cun centenar de entidades dos ámbitos da alimentación, a formación, a cultura transformadora ou espazos sociais e comunitarios que axudan a estruturar a economía solidaria e a vertebrar o territorio fomentando a participación colectiva.

25 anos e 1.000 entidades. Un gran punto e seguido para continuar facendo e demostrando que outra economía xa existe e que funciona. Grazas por estar. Onte, hoxe e sempre!
Sale en portada general: