Durante 2020, a Fundación Coop57 xestionou un volume global de achegas de 524.251,33 euros recollidos en diversas campañas, das que moitas foron realizadas ombro con ombro co tecido cooperativista e os movementos sociais. A fundación foi unha ferramenta ao servizo das necesidades e das iniciativas da ESS, construíndo desde a intercooperación e a solidariedade.

A previsión para 2020 era que sería o ano de relanzamento da Fundación Coop57, no que imaxinar que camiños se querían percorrer e que iniciativas se querían retomar ou refortalecer. Agora ben, como para todo o mundo, o estalido da pandemia supuxo unha viraxe de 180° respecto ás previsións. Superáronse totalmente.
 
Coa crise socioeconómica e sanitaria, facían falta instrumentos rápidos ao servizo dos movementos sociais e da economía social e solidaria para encher os baleiros que a emerxencia deixou en evidencia. Neste sentido, algunhas das iniciativas onde participou a fundación quixeron pór freo ao impacto da pandemia e outros quixeron reforzar as maneiras de facer propias da ESS, que xa teñen
un longo percorrido. 

No inicio do ano, houbo varias campañas previstas para arrincar de novo o traballo da fundación. Como a de
Gazpacho Gitano, que se estivera cociñando a lume lento desde antes da implosión da pandemia, pero que se tivo que repensar tendo presente o contexto. A campaña impulsada pola Asociación Cultural Gitana Vencedores, Coop57 Andalucía e a fundación, recolleu 37.826 euros con 425 doazóns. Desde o pasado novembro, a cociña industrial comunitaria xa está en funcionamento, ofrecendo comidas para 70 fogares.
 
Pero o groso do traballo desenvolvido pola fundación en 2020 foi de resposta directa á crise socioeconómica sanitaria, intercooperando con axentes do cooperativismo e colectivos de base. Fíxose un tecido cunha trintena de entidades redes da ESS catalá, vasca e andaluza, retomando alianzas históricas –con Òmnium Cultural, ECAS e Som Energia, por exemplo– e construíndo novas.

Fixéronse varias campañas en intercooperación, cun total de 4.318 achegas recibidas: a de Bizihotsa (68.168,02 euros), o Fons Cooperatiu ESS (95.096,26 euros) e o Projecte Lliures (282.401,09 euros). No cuarto trimestre, no marco dunha campaña para aumentar a base social da Fundación Coop57, recolléronse 40.858,97 euros con 184 doazóns, que contribuíron a fortalecer a organización
interna e o despregue da fundación. 
 
Con todo o volume de achegas xestionadas, apoiáronse 94 iniciativas, das cales 74 foron para dar resposta directa á emerxencia sociosanitaria. Contouse con iniciativas do ámbito da alimentación comunitaria e da vivenda (39 proxectos); coidados comunitarios (12 iniciativas); a produción de material de protección contra a Covid-19 (9); a inclusión de novos protagonismos na ESS (5); a  alfabetización popular (3); o dereito á vivenda (3); o acceso á información comunitaria (2); e da cultura autoxestionada (1). Achegáronse recursos para apoiar a solidez financeira de doce proxectos. Ademais, déronse recursos para oito iniciativas no marco de El Germinador Social, o concurso que quere promover a transición enerxética.

Para 2021, é cabal consolidar unha base estábel de doazóns periódicas para a Fundación Cop57, que facilitaría as condicións de solidez necesarias para continuar xerando alianzas, para continuar abrindo portas ao servizo dos proxectos colectivos e para apoiar proxectos transformadores de base que xa están xerando transformación social. 
Por todo isto, será necesaria a implicación de todo o mundo para fortalecer a nosa fundación: a de todas as persoas e entidades que conformamos Coop57.
 
Sale en portada general: