A actividad esencial de Coop57 é a intermediación financeira, é dicir, captar aforro para canalizalo cara ao financiamento de entidades da economía social e solidaria que loitan por construír unha sociedade máis xusta, democrática, cohesionada e sustentable.

Durante 2024 realizáronse 366 novas operacións por un valor conxunto de 26,7 millóns de euros. Unha vez máis, a cifra máis alta de novas operacións en toda a historia de Coop57. Froito desta dinámica, durante o período 2021-2024, Coop57 realizou 1.342 operacións de préstamo por un valor total de 100 millóns de euros, destinadas exclusivamente a entidades da economía social e solidaria.

O saldo de préstamos en curso —é dicir, o diñeiro prestado que aínda está pendente de devolución— ascende a practicamente 46 millóns de euros, que está a financiar simultaneamente a máis de 650 entidades da economía social e solidaria.

A evolución deste saldo foi moi significativa nos últimos anos. Neses mesmo catro anos, de 2021 a 2024, o incremento foi do 50%, pasando de pouco máis de 30 millóns de euros aos case 46 actuais.

A base social, a un ritmo diferente

A diferenza dos indicadores económicos e de actividade crediticia, o crecemento da base social non seguiu o mesmo ritmo.

Durante 2024 sumáronse máis de 400 novas socias: concretamente, 89 novas entidades socias de servizos e 317 novas socias colaboradoras. Todas elas incorpóranse á base social de Coop57, conformando unha base de case 7.000 socias: 5.602 socias colaboradoras e 1.258 socias de servizos.

En conxunto, achegan un aforro solidario de 64,5 millóns de euros ao capital social de Coop57, o que permite a actividade crediticia da cooperativa.

O crecemento neto das achegas durante o mesmo período 2021-2024 aproxímase ao 25%, pasando de 52 a 64 millóns de euros.

Á súa vez, o crecemento neto de socias en Coop57 neste últimos catro anos é do 15%, pasando de 6.007 a 6.860.

Isto dinos dúas cousas, unha boa e unha mala. Como adoita facerse, empezamos pola mala: sería desexable que máis persoas e entidades se sumasen a Coop57 e que reforzásemos conxuntamente a capacidade de Coop57 para seguir fortalecendo a economía social e solidaria. Porque un movemento máis amplo de persoas e entidades ten unha maior capacidade transformadora. Porque máis recursos económicos significan poder financiar un maior número de proxectos transformadores. É un reto e unha responsabilidade compartida lograr que isto suceda.

Doutra banda, a boa noticia é que as achegas, aínda que medran por baixo do ritmo óptimo, fano por riba do increcemento de novas socias. Podemos deducir algo facilmente: as persoas que xa son socias confían en Coop57, confían no proxecto e deciden aumentar a súa participación económica na cooperativa. E iso refórzanos e impúlsanos a seguir traballando.

 

Pechamos 2024 satisfeitas co traballo realizado e coa mochila chea de retos de futuro. Vivimos 2025 coa ilusión de celebrar os 30 anos dunha viaxe compartida, apaixonante e que merece a pena vivir e compartir con tanta e tanta xente.

Sale en portada general: