Cifras récord na actividade crediticia de Coop57: máis de 23 millóns de euros concedidos, a suma máis alta nos vinte e seis anos de historia da cooperativa de servizos financeiros éticos e solidarios. A cooperativa achégase ás 5.000 socias colaboradoras e xa superou as 1.000 socias de servizos.
 
O ano 2021 continuou marcado por unha pandemia que non acaba e por un condicionamento das nosas vidas que segue ben presente. Este contexto non se pode desvincular do efecto nas capacidades de iniciar, consolidar e facer crecer proxectos socioeconómicos, neste caso, no marco da economía social e solidaria. Pero a pesar destes condicionantes, o 2021 supuxo o ano coas cifras de concesión de préstamos máis altas da historia de  Coop57. Concedéronse 23.263.126,85 euros en novos préstamos por un total de 319 operacións.
 
Respondeuse ás necesidades de financiamento, tanto a curto como a longo prazo, das socias de servizos de  Coop57. Respecto ás necesidades de circulante, concedéronse máis de 8 millóns de euros en pólizas de crédito e máis de 5 millóns en adiantos de subvencións, convenios e endoso de facturas.
 
Nos préstamos para investimentos de diferentes índoles, concedéronse case 9 millóns de euros, destinados a mellorar a actividade produtiva das entidades, proxectos de enerxía, proxectos de vivenda cooperativa e de adquisición e melloras en locais por parte das entidades socias.
 
Por outra banda, a base social de Coop57 seguiu crecendo o ano pasado. Case 400 persoas incorporáronse á cooperativa e case pechamos o 2021 cunha cifra redonda: a 31 de decembro, coas novas incorporacións o cómputo total sumaba 4.966 socias colaboradoras. A previsión é que en poucas semanas se chegue ás 5.000 socias colaboradoras da cooperativa. Respecto das novas socias de servizos, 71 entidades da economía social e solidaria déronse de alta. Así, o 2021 terminaba con 1.042 socias de servizos de Coop57, de todo tipo de sectores da ESS.
 
As cifras da actividade crediticia e da base social reflicten o intenso traballo durante todo o ano, tentando primar a axilidade e a utilidade na resposta ás necesidades das socias da cooperativa. Un éxito colectivo que demostra o dinamismo da economía social e solidaria, e que reafirma a razón de ser dunha ferramenta financeira como Coop57 ao servizo da transformación social.
 
 
Sale en portada general: