Coop57sempre buscou innovar, ser creativa e desenvolver novas solucións nas necesidades cambiantes das súas persoas e entidades socias e, en xeral da economía social e solidaria. Desde estes principios, Coop57 traballou nos últimos meses para buscar solucións ás novas necesidades que xurdiron desde os movementos sociais e a economía solidaria. Así, na última asemblea xeral celebrada en Sevilla o pasado 1 de xuño, aprobouse unha nova liña de actividade denominada “Solo comunitario”.

Antecedentes: La Tartana de Can Bofill

Coma sempre se fixo en Coop57, a teoría vai da man coa práctica. Para que as cousas pasen, unha boa fórmula é que a realidade te chame e te motive a pensar como crear novas solucións para resolver novas necesidades. Todo comeza cando un grupo de persoas de La Tartana de Can Bofill -membros do proxecto agroecolóxico de Can Bofill e enmarcadas en APACA, Acordo para a Produción e Consumo Agroecolóxico- visitan Coop57 coa esperanza de resolver unha necesidade esencial e estrutural: poder seguir gozando do uso da finca e a terra que levaban traballando desde había moitos anos e, en consecuencia, continuar desenvolvendo un proxecto agroecolóxico no Parc Natural da Serra de Collserola, área periurbana da cidade de Barcelona e outros municipios da área metropolitana, cun gran valor medioambiental.

  • A problemática: o réxime de intercambio que exercían desde había anos corría perigo. A propiedade propuña a venda da finca. A asociación, porén, non dispuña dos recursos económicos nin do músculo financeiro suficiente para poder afrontar a compra.
  • O perigo: a desaparición do proxecto, debilitar o movemento agroecolóxico e abrir a porta á especulación inmobiliaria ao coro de Collserola. 
  • A solución: que Coop57 adquirise a finca en propiedade e cedese o uso á asociación. Deste modo conseguíase salvagardar das lóxicas do mercado e de procesos especulativos unhas 50 hectáreas do parque de Collserola e continuar destinándoas a un proxecto de produción agroecolóxica.
 
Neste caso concreto, a adquisición da finca de Can Bofill permitirá protexela da especulación, preservar a súa diversidade biolóxica e o seu patrimonio cultural e destinala a un proxecto  de economía social e solidaria de produción agroecolóxica e dinamizar o aproveitamento comunitario do contorno natural e as instalacións.

Un segundo exemplo en marcha: La Titaranya

Á vez, estase desenvolvendo outro proxecto nesta nova liña de “Solo Comunitario”, pero nun contexto absolutamente diferente posto que se sitúa nun espazo urbano. Trátase do proxecto de La Titaranya (Asociación Cultural la Aleta) que consiste na adquisición de varias fincas do casco histórico de Valls, un dos máis degradados socialmente e fisicamente de Catalunya, para revitalizalo e dinamizalo mediante o desenvolvemento de cooperativas de vivendas en cesión de uso e a instalación da sede social de entidades asociativas de economía social e solidaria representativas do municipio. Estas entidades desenvolverán numerosos proxectos de interese social e colectivo coma un ateneo popular, unha cooperativa de consumo, unha cooperativa de vivenda e outras moitas actividades orixinadas desde os movementos sociais da cidade. Trátase, en definitiva, de crear redes de custodia comunitarias dos barrios para protexelos de procesos especulativos e, neste caso, revitalizalo e dotalo de vida asociativa e comunitaria.

A proposta de “Solo Comunitario"

O obxectivo desta nova liña de actividade de Coop57 é desmercantilizar e socializar o patrimonio cun alto contido social e/o medioambiental mediante a adquisición en propiedade e administración do solo en beneficio da comunidade e de entidades de economía social e solidaria para que se desenvolvan proxectos transformadores. O obxectivo desta nova liña é desenvolver experiencias piloto que nos permitan demostrar na práctica que é posíbel “quitar solo do mercado”, protexelo e destinalo a usos sociais e comunitarios con criterios de sustentabilidade. Á vez considérase necesaria a existencia dun tecido de entidades e de movementos sociais que avalen socialmente o proxecto e poidan tomar parte.

A resolución

Con todo isto, xerouse un debate moi interesante coa base social de Coop57 no que, loxicamente, apareceron medos e contradicións pero de maneira moi maioritaria, se decidiu aprobar a proposta do “Solo Comunitario”, posto que iniciaba unha nova liña de actividade que se inspiraba no movemento das “Community Land Trust” abríndolle a porta á recuperación dunha certa esencia dos ben comunais. Proxectos altamente socializados, cunha esencia e participación comunitaria. Esta esencia de apropiación comunitaria comeza desde o momento en que é Coop57 quen adquire patrimonio en propiedade, posto que automaticamente convértese en propiedade da base social da cooperativa, ou o que é o mesmo: case 1.000 entidades da economía social e solidaria e máis de 4.000 persoas.

Nas diferentes asembleas de sección celebradas no pasado maio e na asemblea xeral celebrada o pasado 1 de xuño aprobouse esta nova liña de traballo que xa nace con dúas criaturas: La Tartana de Can Bofill e a Titaranya de Valls. Esperamos que poidan ser exemplos e inspirar outros movementos sociais e comunitarios semellantes no futuro.