Aumento das desigualdades sociais. Empobrecemento dunha maioría e enriquecemento dunha selecta minoría. Emerxencia climática. Nova burbulla inmobiliaria. Criminalización da pobreza e persecución de persoas migrantes. Xentrificación e turistificación de centros urbanos e crecente despoboamento dos contornos rurais. Son só algúns dos efectos dun sistema económico e social baseado na apropiación privada, en mans dunha minoría, da riqueza e os recursos naturais.

Un modelo de produción e consumo extractivista, que mercantiliza todo o que pode para continuar retroalimentando a maximización de beneficios de moi poucas persoas a costa da maioría e da degradación dos ecosistemas naturais. Un capitalismo do século XXI que, como expón o manifesto da Folga Mundial polo Clima, “pon en risco a nosa supervivencia e impacta de maneira inxusta especialmente nas poboacións máis pobres e vulnerábeis do mundo”.

Ante a mercantilización dos bens e recursos e a precarización da vida, non queda outra opción que continuar traballando para construír unha alternativa que poña no centro o garantir a sustentabilidade da vida e do planeta. Unha alternativa que desde hai anos está promovendo unha economía social e solidaria orientada a satisfacer colectivamente as necesidades das persoas, aplicando criterios de equidade na distribución da riqueza xerada, funcionando con prácticas democráticas e participativas e procurando a preservación dos ecosistemas naturais que están na base da reprodución da vida. Unha vida que, como se pon de relevo desde os feminismos, mereza a pena ser vivida.

Para podermos edificar na práctica este modelo alternativo ao capitalismo depredador, é preciso romper coas lóxicas que o sustentan, recuperando e fortalecendo dinámicas e prácticas comunitarias fundamentadas no interese colectivo e os lazos de apoio mutuo. Que poñan en común os bens e recursos, fomentando o seu uso comunal e cooperativo e impedindo a súa mercantilización. Que redefinan o que entendemos como público e o vinculen á comunidade, empoderándoa. Que constrúa relacións económicas desde abaixo e desde redes comunitarias, cooperativas, autoxestionarias e mutualistas. 

Nesta dinámica, é fundamental desenvolver experiencias que poñan os recursos básicos en poder da comunidade, que saquen estes bens do mercado mediante propiedades comunitarias que preserven o seu uso colectivo. Auga, enerxía, transporte, solo, vivenda, fincas e ecosistemas rurais… Non podemos deixalos en mans dun mercado especulativo: debemos reapropiármonos deles, e administralos en beneficio da comunidade, preservándoo para as futuras xeracións. Para apoiar esta socialización comunitaria de bens e recursos básicos, temos que continuar innovando, xerando novas respostas e creando novas ferramentas colectivas e cooperativas, evitando que o financiamento dos investimentos necesarios para preservar os bens comunitarios sexa un escollo insalvábel, demostrando na práctica que é posíbel construír solucións que respecten a súa propiedade e o seu uso colectivo. 
 
Constatar que é factíbel desenvolver zonas rurais autónomas e comunitarias e redes de custodia dos barrios para protexelos de procesos especulativos. Demostrar que a xestión colectiva e cooperativa de subministros básicos é unha utopía realizábel, que podemos desconectarnos de corporacións oligopólicas. E facelo reforzando os vínculos comunitarios e de axuda mutua, fomentando a solidariedade e a cooperación. Garantindo a sustentabilidade da cidade e do planeta.