Venres 30 de maio. Pola mañá, mediodía, tarde ou noite. En tren, avión ou coche. Unhas 70 persoas colleron unha maleta cun par de mudas, ganas de encontrarse e moitas ideas e foron cara a Sevilla coa predisposición de dedicar o seu tempo e enerxía a traballar para Coop57. Esta é a maior das xoias que ten o proxecto: unha base social a punto e que responde aos retos de participación que se achegan.
O sábado 1 de xuño era o día que estaba programada a intensa axenda do encontro. O reto para o sábado era triplo. Programouse un Encontro de Comisións pola mañá, a Asemblea Xeral de Coop57 pola tarde e a celebración dos 10 anos da sección territorial de Coop57 Andalucía pola noite. E entremedias, unha comida a cargo da Asociación Cultural Xitana Vencedores e visitas a diferentes proxectos transformadores, cooperativos e comunitarios de Sevilla.
Encontro de Comisións
O encontro de Comisións protagonizárono representantes de todas as comisións sociais e técnicas das seccións territoriais de Coop57, que se encontraron para compartir, aprender e avanzar máis xuntas, tanto na avaliación social como económica das entidades socias de Coop57. Queríase poñer en común procesos e criterios de avaliación dos casos. E a partir de aquí, detectar similitudes e diferencias. As similitudes sempre serven para reforzar a idea de cohesión e de proxecto común. As diferencias serven, nalgúns casos, para aprender unhas das outras. E noutros casos, para detectar aspectos que non funcionan e que deberían corrixirse. Trátase dun exercicio moi valioso e necesario.
A asemblea Xeral
Pola tarde, na asemblea xeral debatéronse diferentes aspectos importantes para os próximos anos de Coop57. Por exemplo, a aprobación da nova liña para proxectos de base comunitaria, denominada “Solo Comunitario”, e o plan de relanzamento da Fundación Coop57. Foi unha asemblea moi viva, con debates apaixonados que demostra a importancia que todas as persoas e entidades socias dan a Coop57. Ademais, por unanimidade todas as seccións territoriais apoiaron a incorporación da sétima sección territorial: Coop57 Asturies. Bienveníes!
10 anos de Coop57 Andalucía
E pola noite, a recompensa a un día de traballo intenso foi a cea no centro comunitario Tramallol, onde celebramos os 10 anos da constitución de Coop57 Andalucía. A sección territorial, durante esta década conseguiu consolidar e arraigar o proxecto no territorio, sacando adiante moitos proxectos transformadores. Desde os primeiros préstamos concedidos a entidades como Almenar ou Fundación Girasol, a proxectos emblemáticos como Marinaleda ou Cooperactiva e ao seu proxecto das piscinas de Puerto Real. En definitiva, foi un encontro moi intenso e enriquecedor que serviu para seguir traballando xuntas e desenvolvendo ferramentas que permitan construír unha economía transformadora, pensada para as persoas, o seu contorno e territorio.
__________________________________________________
Coñecendo proxectos transformadores en Sevilla
Durante o sábado, á vez ou entremedias de todas as actividades planificadas, coñecéronse e visitáronse diferentes proxectos interesantes de economía solidaria da cidade de Sevilla. A ruta matinal comezou no espazo social e comunitario Lanonima, dirección cara El Huerto del Rey Moro, un horto comunitario e autoxestionado no centro do Casco Histórico. Tamén se visitaron dúas librarías que fomentan o pensamento crítico: La Caótica e La Fuga. Finalmente coñeceuse in situ a Autonomía Sur, que se dedica, sobre todo, á asesoría e acompañamento xurídico a persoas, colectivos e entidades.
__________________________________________________