
Ano de aniversarios: 30 anos de Coop57, 20 anos de Coop57 Aragón e do inicio do modelo de seccións territoriais, e 10 anos de Koop57 Euskal Herria.
Durante este ano celebraranse distintas actividades para conmemorar estes aniversarios. Xa se celebrou a primeira en Coop57 Aragón e queremos compartir como foi:
“O pasado 5 de abril, en Zaragoza, celebramos que fai vinte anos se constituíu a primeira sección territorial de Coop57 en Aragón. Foi en abril de 2005.
O acto tivo lugar no Centro Cívico Tío Jorge e foi unha celebración cargada de emoción, memoria e enerxía colectiva. Máis dun centenar de persoas de diferentes seccións territoriais acompañáronnos para revivir, a través dun podcast en vivo e con música en directo, os momentos, as voces e os valores que fixeron posible este camiño. Pechamos a xornada cun “vermut” compartido na terraza, entre brinde, conversacións e coa calor dunha Coop57 que segue crecendo.

Nesta celebración púxose de manifesto a xenerosidade e a valentía de apostar por abrir camiños e sumar iniciativas de distintos territorios, para unha meta que é común e compartida: dotar de músculo financeiro, desde a autoxestión, a proxectos de economía social, solidaria e transformadora.
Hai 20 anos fomos capaces de trazar novas formas de facer, para que a ferramenta que xa funcionaba en Cataluña puidese ser útil e explorar novos horizontes.
Do traballo ilusionante da economía solidaria en Aragón e da experiencia previa en Cataluña, xurdiu a cooperación e a intuición para inventar un modelo de crecemento en rede que segue dando froitos e que seguiremos alimentando moitos anos máis.”
Coop57 Aragón
As celebracións continúan
Logo do verán continuaremos coas celebracións. Primeiro en Euskal Herria, para celebrar os 10 anos como sección territorial de Coop57 e, posteriormente, o 8 de novembro en Barcelona, onde nos atoparemos todas para celebrar xuntas estes 30 anos e para reafirmar a convicción de que o apoio mutuo, a solidariedade e o colectivo son o camiño para lograr unha sociedade xusta e un modelo económico que permita unha vida digna para todas as persoas.
Nun momento decisivo para a nosa sociedade, necesitamos seguir sumando forzas, persoas e proxectos que fortalezan este soño compartido.
Grazas por formar parte diso e por moitos anos máis!




