
Coop57 somos unha ferramenta financeira ao servizo das entidades de economía social e solidaria. Traballamos para que os proxectos transformadores atopen o apoio necesario para crecer, consolidarse e dar resposta ás necesidades das súas comunidades. Aínda así, a miúdo, soster os gastos do día a día é todo un reto: fluxos de caixa irregulares, pagos que se atrasan ou incrementos puntuais de custos poden pór en tensión a tesouraría de calquera organización. Por iso, cando unha cooperativa ou entidade necesita un respiro para continuar avanzando, saben que en Coop57 estaremos ao seu carón.
Na cooperativa non deixamos atrás os proxectos con impacto social. Ao contrario: son o centro da nosa razón de ser. Por iso dispomos de varias modalidades de financiamento pensadas para adaptarnos aos ritmos e especificidades da economía social. Hoxe queremos pór o foco nos préstamos a curto prazo, unha ferramenta que se converteu en esencial para moitas organizacións.
Este tipo de financiamento permite superar situacións tan habituais como a falta temporal de liquidez, cubrir costes de produción que se deben afrontar antes de xerar ingresos ou adiantarse a un atraso no cobro de subvencións públicas. En todos estes casos, un anticipo pode ser decisivo: garantir salarios, manter servizos activos ou evitar a paralización de actividades que teñen un impacto directo na vida das persoas.
A realidade é que, sen este apoio, algunhas entidades veríanse obrigadas a parar a súa actividade ou renunciar a proxectos de gran valor social. Por iso, os préstamos e pólizas de crédito a curto prazo consolidáronse como unha das principais liñas de financiamento de Coop57. A día de hoxe representan o 66% do número total de préstamos concedidos, con 14,2 millóns de euros dispostos nestas tipoloxías de financiamento a finais de outubro. Este volume evidencia ata que punto esta ferramenta responde a unha necesidade real e compartida dentro do tecido cooperativo.
Máis aló das cifras, estes recursos explican unha forma de actuar: acompañar ás entidades en momentos delicados, facilitar a continuidade dos proxectos e reforzar a súa capacidade de transformación. Porque cando a economía social respira, tamén o fai o conxunto da comunidade.




