O Rabaño de Can Bofill é unha iniciativa de Pepi e Oriol. Os dous enxeñeiros de formación, quixeron converter a súa paixón pola agroecoloxía na súa profesión. Xuntos, fixeron realidade o seu proxecto de gandaría ecolóxica na Serra de Collserola, preto das zonas urbanas de Molíns de Rei ou Barcelona, toda unha aposta por achegar a gandaría sustentable ás súas vidas, vinculada tamén ás cidades.
Grazas a dous préstamos de Coop57 (un que posibilitou levar as cabras a Can Bofill e o outro que lles permitiu adquirir o traspaso do obradoiro de lácteos), actualmente fan viable o proxecto coa venda dos iogures, queixos e leite que lles proporcionan as 80 cabras “payoyas”. O rabaño permítelles obter leite, que levan diariamente ao seu obradoiro situado en Gavá e que eles mesmos distribúen a comercios.
O seu proxecto vai máis aló da produción habitual de elaborados: Pepi e Oriol defenden un modelo agroecolóxico sustentable, que evita a procura do beneficio máximo para dar paso a responsabilizarse dos animais e da contorna na que viven. Un exemplo disto é que as cabras pastan polos bosques de Collserola, axudando así ao coidado do sotobosque da serra e, por tanto, contribuíndo á prevención de incendios forestais. O papel de Coop57 foi tamén clave na defensa desta sustentabilidade e respecto cara á contorna por riba da procura do beneficio máximo a calquera prezo: o chan comunitario da leira de Can Bofill (xestionado pola cooperativa A Tartana) mantenos fóra da lóxica especulativa habitual do mercado inmobiliario e fai posible que o proxecto se manteña en pé e cos valores que desde o principio se querían defender.
O Rabaño de Can Bofill tamén se caracteriza por ser un axente activo na súa contorna, xerando comunidades corresponsables, abrindo o espazo a visitas e tamén a entidades e cooperativas que queiran aproveitalo para as súas actividades.
Contido relacionado > Vídeo 'Historias de Transformación Colectiva'





