Durante 2021 concedéronse máis de 23 millóns de euros en novos préstamos e chegouse, practicamente, ás 5.000 socias colaboradoras. Á vez, superáronse de abondo as 1.000 socias de servizos. Cifras que nos impulsan a seguir traballando pola transformación social e económica.

O ano 2021 continuou marcado por unha pandemia que custa que se vaia e, polo condicionamento das nosas vidas, segue moi presente. O contexto non se pode desvincular do efecto nas capacidades de pór en marcha, consolidar e facer crecer proxectos socioeconómicos, neste caso, no marco da economía social e solidaria. Pero pese ás perspectivas, 2021 supuxo o ano coas cifras de concesión de préstamos máis altas da historia de Coop57. Concedéronse 23.263.126,85 euros en novos préstamos por un total de 319 operacións.

Respondeuse ás necesidades de financiamento, tanto a curto como longo prazo, das socias de servizos de Coop57. En canto ás necesidades de liquidez, concedéronse máis de 8 millóns de euros en pólizas de crédito e máis de 5 millóns en adianto de subvencións, convenios e endosamento de facturas.

En canto a préstamos que responden a investimentos de diferentes índole, concedéronse case 9 millóns de euros destinados a mellorar a actividade produtiva das entidades, proxectos de enerxía, de vivenda cooperativa, e de adquisición e melloras en locais por parte de entidades socias.

Por outro lado, a base social de Coop57 continuou crecendo o ano pasado. Cerca de 400 persoas incorporáronse á cooperativa e o 2021 pecha cunha cifra case redonda: a 31 de decembro, coas novas incorporacións o cómputo total sumaba 4.996 socias colaboradoras. En canto ás novas socias de servizos, 71 entidades da economía social e solidaria déronse de alta. Así, o ano 2021 acababa con 1.042 socias de servizos de Coop57, de todo tipo de sectores da ESS.

As cifras da actividade crediticia e de base social reflicten o traballo moi intenso durante todo o ano, intentando ser áxiles e útiles na resposta ás necesidades das socias da cooperativa. Un éxito colectivo que demostra o dinamismo da economía social e reafirma a necesidade dunha ferramenta financeira como Coop57 ao servizo da transformación social.

Sale en portada general: