Desde a primavera de 2020, a pandemia da COVID-19 alterou as nosas vidas de arriba abaixo e deixou moita xente á intemperie. Durante o ano, a economía viuse afectada de maneira desigual, dependendo do sector de actividade. En particular, o segundo trimestre viuse paralizada, con afectacións en moitísimos sectores e postos de traballo. O PIB caeu un 11% e o paro situouse por riba do16%.

Certo é que os ERTOS evitaron, de momento, que estas cifras sexan moito peores, pero igualmente un gran número de traballadoras temporais e cos salarios máis baixos foron expulsadas do mercado de traballo. En momentos de crise laboral, a maior parte dos seus efectos  negativos absórbenos os traballos onde adoitan estar sobrerrepresentadas as capas máis vulnerábeis da sociedade. Así, os datos de desocupación elévanse até o18% cando se refire ás mulleres (comparado cun 14% dos homes) e até o 40% cando se trata de menores de 25 anos. No caso de persoas migrantes, o 2020 pechouse cun 37% máis de paradas que o 2019.

Confináronnos nos nosos fogares sen pensar nas persoas en situación de sinfogarismo. E os propios mecanismos do sistema agudizan o problema, de maneira criminal, incluso no contexto actual: 30.000 desafiuzamentos en 2020 no estado español. Máis de 80 execucións diarias.

De cada crise sáese máis desigual. E isto no é culpa do virus. O sistema susténtase e resiste a expensas dos más vulnerábeis. 

A outra cara do sistema: o número de milmillonarios aumenta un 30% en 2020, até chegar ás 2.755 persoas, o 86% destas viron crecer a súa fortuna no último ano. En total, acumulan 13 billóns de dólares. En comparación, o PIB do estado español é de 1,3 billóns de dólares e o de toda a zona euro é de 11,3 billóns de dólares. Todo dito.

A través da fórmula de avais públicos, especialmente avais ICO, canalizáronse máis de 120.000 millóns de euros en préstamos durante a pandemia, dando liquidez ás empresas e permitindo que moitas seguiran funcionando, por agora. Pero o equilibrio entre a acumulación de débeda e as axudas directas foi desastroso. Pode provocar unha situación moi complicada nos próximos anos, xa que moitas empresas verán a súa viabilidade marcada pola devolución dunha débeda que non se poderá asumir en todos os casos. 

Se os préstamos no se devolven, quen asumirá as perdas serán as finanzas públicas. Como sempre pasa coa banca convencional, socialízanse as perdas e privatízanse as ganancias. 

Nesta liña o balance é o habitual: a banca española gaña 2.600 millóns en intereses só polos préstamos avalados polo Estado. Pero, como se comportará a banca especuladora cando desaparezan estes avais públicos? Seguirán dando financiamento? Ou aplicarán aquel dito que di que, un banco dáche un paraugas cando vai sol e quítacho cando chove? Os antecedentes non son moi alentadores. 

Coop57, en cambio, é unha ferramenta comunitaria ao servizo da economía solidaria e transformadora. O beneficio económico non guía a actividade da cooperativa senón que o fai o beneficio colectivo. Durante o 2020, a nosa obsesión foi, sobre todo, unha: dar resposta. 

Dar resposta ás necesidades da economía transformadora, que constrúen unha economía baseada nas persoas. Intentar adaptarnos ás novas realidades das socias de Coop57 para ser unha ferramenta útil. Unha ferramenta que é súa e que vela polos seus intereses e non polos de accionistas que só buscan o beneficio sen identificarse nin dar importancia á actividade levada a cabo, ni baixo que condicións nin con que consecuencias. En cambio, en Coop57 este é o núcleo que guía a nosa acción.

Dito en cifras: en 2020, máis de 100 préstamos refinanciados por valor de 4,5 millóns de euros e 271 novos préstamos concedidos por un valor de 17’6 millóns de euros.

Desde Coop57 seguimos convencidas, máis que nunca, que hai que construír unha economía para as persoas, respectuosa coa contorna e que non deixe ninguén atrás. E dirixir o aforro popular cara ao financiamento de proxectos que constrúan outra maneira de producir e consumir. Que desenvolva un modelo económico e produtivo pensado para cubrir as necesidades de todo o mundo. 

Veñen anos de loita e resistencia. De construción e consolidación de alternativas. Desde a economía solidaria temos que pensar ben que resposta queremos dar e cara onde queremos dirixirnos. É imprescindíbel facelo desde os principios da solidariedade, cooperación, intelixencia colectiva e comunidade.

Sale en portada general: