Desde hai case tres décadas, as comunidades Zapatistas construíron camiños de autonomía e deixaron pegada na maneira de organizármonos. Recordándonos que hai un mundo no que caben moitos mundos e que segue sendo posíbel, a pesar de todas as dificultades, se loitamos xuntas.
 
En outubro de 2020, as compañeiras zapatistas anunciaron que emprendían unha xira planetaria, sendo a primeira parada Europa. A avanzada, o Escuadrón Zapatista 421, desembarcou en Galiza en xuño de 2021. Após unha infinidade de trámites e obstáculos, a compañía zapatista aerotransportada “La Extemporánea” sae de Cidade de México con rumbo a Europa en setembro de 2021 para iniciar a “Viaxe pola vida”. A xira propiciará espazos de diálogo e aprendizaxe mutuo, especialmente entre quen, na cotiandade das súas loitas, pon a vida no centro.
 
Desde a Comisión Feminista cremos necesario nutrírmonos doutras prácticas feministas que nos amplíen a mirada e, a partir de aquí, seguir afondando nas loitas propias. Por iso conversamos con Mariana Mora sobre as prácticas de autonomía das mulleres Zapatistas. Profesora e investigadora do Centro de Investigacións e Estudios Superiores en Antropoloxía Social (CIESAS) na Cidade de México, Mora é membra da Rede de feminismos decoloniais e autora do libro “Política Kuxlejal”. Acompañou durante moitos anos os procesos nas comunidades Zapatistas.
 
Autonomía e organización comunitaria das zapatistas
 
“Gustaríame comezar polos elementos cotiás que lle outorgan sentido á Autonomía”. Desde hai décadas, as compañeiras zapatistas organízanse de maneira voluntaria e colectiva en colectivos de produción (horto, gando, artesanía...). Dous o tres veces á semana acoden ao espazo, desenvolven as súas actividades, falan entre elas e fórmanse politicamente. Das súas ventas xeran pequenos fondos colectivos tanto para responder ás necesidades delas e das súas familias (p. ex. gastos médicos), como para contribuír á mobilización política, festas ou actos conmemorativos nas súas comunidades. A participación política das mulleres tzeltal, tzotzil, tojolabal e chol é inseparábel destes colectivos de produción: dos actos de colleitar, sementar, coidar animais, etc. e dos seus fondos revolventes.
 
A partir das experiencias e capacidades que desenvolven, as mulleres zapatistas nestes colectivos adoitan comezar a asumir cargos ou responsabilidades políticas voluntarias nas súas comunidades, municipios autónomos ou no “caracol”. Por exemplo, formando parte da Junta de Buen Gobierno. Co tempo moitas foron asumindo temas que adoitan caer más nas esferas "masculinas": reivindicando a propiedade da terra, máis á súa vez transforma o sentido da autonomía.
 
A Autonomía é o que permite garantir as condicións para a reprodución da vida social vinculada a un territorio. O que fan as mulleres nos colectivos –producindo e xerando ingresos– convértese nunha base colectiva, máis alá da estrutura familiar, inserida no tecido comunitario que vai asegurando estas condicións de reprodución social e de subsistencia digna. Forma parte do que sostén a vida-existencia colectiva.
 
Desde 1994, a autonomía permite unha recuperación e reconstitución do territorio maya, tzeltal, tojolabal, tzotzil e chol. Nos primeiros anos tiveron que recuperar a fertilidade da terra (desde a agroecoloxía, tal como está estipulado en todo o territorio), recuperar a memoria ancestral e intercambiar saberes con outras organizacións indíxenas e campesiñas.
 
O traballo das mulleres sobre as terras recuperadas contribúe a asegurar estas condicións de reprodución social do colectivo. Máis alá da súa participación en diferentes comisións de reparto agrario, educación, saúde, xustiza, etc. o seu traballo forma parte da columna vertebral da autonomía. Unha achega da praxe política á autonomía, asegurando a reprodución do comunal.
 
Durante a pandemia, as tarefas das mulleres, médicas tradicionais, comadroas e curandeiras foi fundamental. Os seus roles adquiriron un papel aínda máis relevante. Quizais as respostas comunitarias fronte á pandemia permiten continuar resignificando este tipo de actividades que dan sostén na comunidade.
Sale en portada general: