No ano 2009, en Galiza tívose a intuición de que era necesaria a construción dunha ferramenta financeira ao servizo da economía social e solidaria. Reflexionouse de maneira acertada cando se detectou o crecente cuestionamento por parte da cidadanía e do tecido comunitario do uso que fai do diñeiro o sistema financeiro capitalista. Víase claramente como destinaba o aforro recollido a proxectos que vulneran os dereitos humanos e ambientais, a través dun modelo de información opaco e cunha toma de decisión xerárquica.

Así mesmo, era evidente a exclusión estrutural do sistema financeiro capitalista das entidades da economía social e solidaria polo seu perfil socioeconómico, pola súa natureza organizativa e pola tipoloxía dos proxectos que pretendía desenvolver. Exclusión que aínda hoxe persiste.


Pero existía Coop57 e o seu modelo. Creada en 1995 en Catalunya, como cooperativa de servizos financeiros, era xa un proxecto consolidado no ámbito das finanzas éticas e foron precisamente, os principios nos que se basea a súa actuación os que levaron a un grupo de entidades e persoas a constituír Coop57 en Galiza. Calidades como o seu modelo organizativo de base democrática e desenvolvemento en rede e solidariedade interterritorial; a autonomía na xestión e na toma de decisións; e a oferta e flexibilidade dos servizos financeiros
adaptadas ás necesidades das entidades de economía social e solidaria. Quixemos formar parte deste modelo e conseguimos desenvolvelo en Galiza.

Dez anos despois aínda nos quedan moitos retos por diante: ampliar a base social e económica; aumentar a capacidade para atender as necesidades concretas de proxectos de economía social e solidaria; mellorar o funcionamento da organización e os canais de comunicación internos e externos; e estreitar os lazos de colaboración con outros espazos sociais afíns e coas organizacións próximas coas que compartimos principios e filosofías. Finalmente, quédanos facer explícito o agradecemento a todas as persoas e entidades que ao longo dunha década apoiaron e se comprometeron con Coop57Galiza cun recoñecemento especial a Ramón Carmelo, unha das persoas impulsoras do proxecto e auténtico referente do mesmo en todos estes anos.

Coop57 Galiza